DON’T LOOK AT MY CAMERA

Artistas: Bubi Canal | Cecilia de Val | Damián Ucieda | Duarte Amaral Netto | Félix Fernández | Fernando Bayona | Florencia Rojas | Gonzalo Pérez Mata | Ixone Sádaba | Jesús Madriñán | Julia Montilla | Marta Moreiras | Marta Soul | Miguel Ángel Gaüeca | Rocío Verdejo | Rosa Muñoz | Sandra Torralba | Valentín Jaramillo
 
Museu da Imagem | Braga
Do 9 de novembro de 2013 ao 5 de xaneiro de 2014
Curador: Vítor Nieves
La Piedad. Da serie Circus Christi. Fernando Bayona.

“Non mires á cámara” é probábelmente o que o fotógrafo-escenógrafo diría aos que posan momentos antes do click, logo dun minucioso traballo de atrezzo e iluminación que definen as pezas que conforman esta mostra. En todas elas, sabéndose o director ou directora dun único frame do filme que crean, dan ordes a todo canto elemento visual entra en plano, nomeadamente ás persoas, escollidas para representar un papel.

O título da exposición fai referencia ao vínculo que se establece entre o fotógrafo/a e o fotografado/a e evidencia a escenificación da imaxe. Queda, pois, latente a pegada do artista na súa obra, máis que en calquera outro estilo fotográfico, xa que os códigos da Fotografía Escenificada, ou Staged Photography, levan ao propio artista, na maioría dos casos, a autoretratarse, concedéndose o privilexio de formar parte do mundo que crean, e, nalgúns casos asegurando a súa propia permanencia na arte.

Ao longo do s.XX os fotógrafos da Nova Visión ou os surrealistas empregaron  a posta en escena fotográfica como un poderoso estilo criativo. Foron os precursores da denominada Fotografía Escenificada, termo que se comeza a empregar con certa normalidade e asiduidade na década dos oitenta do século pasado, paralelamente á intensificación do debate sobre a validez e o uso da fotografía documental, pois é nese momento cando se toma conciencia de que, na fotografía, o límite entre realidade e fición é ben estreito. É entón cando este tipo de fotografía se diversifica e se afirma coma un xénero en crecemento exponencial [1].

As fotógrafas e fotógrafos, convértense en escenógrafos, e deixan de captar a realidade para construíla, abrindo unha grande xanela cara a fición e poñendo en dúbida a noción mesma de realidade.

A cotío, na Staged Photography, empregouse como parte primordial para compoñer a imaxe, e imprescindíbel para artellar o concepto, aos e ás modelos. Por veces, é o propio autor ou autora a que interactúa e forma parte da súa propia obra, até tendo diversos papeis, asumindo identidades ficticias, outras, son actores, actrices, ou maniquís os que, baixo a dirección do fotógrafo, interpretan papeis, normalmente relacionados coa vida social, o status, a mitoloxía ou os soños.

Forma parte deste eido fotográfico, tamén aquela fotografía na que, non aparecendo o elemento humano, a escenificación é de espazos, habitáculos ou até cidades. É o caso de Thomas Demond (Munich, 1964) ou de James Casabere (EE.UU., 1953).

É posíbel que un dos precursores da Fotografía Escenificada sexa Oscar Gustav Rejlander (Suecia, 1813 – 1875) que en 1857 presentou publicamente a súa obra “Os dous camiños da vida” que era unha imaxe resultante de mesturar unha morea de negativos. Sen dúbida, a súa personalidade e a súa obra, foron quen de influír en Henry Peach Robinson (Inglaterra 1830 – 1901) que os historiadores da fotografía arquivan no capítulo do pictorialismo malia a ser un grande referente da Staged Photography.

Hoxe, a escenificación na fotografía, semella ser unha moda entre os contemporáneos, pero se debullamos na historia do medio, veremos como a fotografía é “escenificada” per se, e xa desde o seu nacemento, a escenificación xogou un papel importante e decisivo. O propio Hippolite Bayard (Francia, 1801 – 1887), considerado un dos pais da fotografía, autoretrátase morto, no que semella a representación do seu fracaso no intento de liderar a invención da fotografía.

A Fotografía Escenificada, goza na actualidade de ampla aceptación no mundo da arte, e grandes figuras traballan cos códigos propios do xénero que foi recollendo gramáticas da linguaxe publicitaria, da pintura ou do cinema. Por iso, moitos autores, traballan indistintamente nunha ou noutra disciplina, é o caso de Erwin Olaf (Holanda, 1959) e David Lachapelle (EE.UU. 1963) que ademais de ter un traballo artístico, fan fotografía de moda. Asemade, Lachapelle, ten feito varios traballos de dirección en producións audiovisuais. A aprendizaxe na iluminación e na dirección das escenografías e modelos, tamén lle valeu a Cindy Sherman (EE.UU, 1954) para traballar no cinema.

A Erwin Olaf, quizais o feito de ter o seu estudio de Ámsterdam nunha igrexa, e estar flanqueado por imaxinería relixiosa, exercera tal influencia que lle fixera reprantexar o seu traballo, que cada vez versaba máis sobre temas tan humanos como o sexo e a morte. O seu traballo é moi pictórico no conceptual, e moi cinematográfico no desenvolvemento. Algo moi visíbel na obra de Olaf, e extensible a moitos dos autores e autoras da Fotografía Escenificada é o sentido do humor que roza o kitsch, e, que en ocasións, resulta até iconoclasta. Asemade, o seu tema recorrente, nunha primeira época, é tamén común a moitos autores. O sexo, e a condición e tendencias sexuais, é o cabalo de batalla de moitos destes fotógrafos e fotógrafas, tanto, que nos estudios de arte de xénero, nomeadamente, aqueles vencellados aos sectores en defensa da homoafectividade, proclaman a Staged Photography como un xeito propio e exclusivo de comunicar.

Neste repaso rápido pola Fotografía Escenificada, é de obriga nomear a aqueles autores que, estando lonxe da publicidade, fan un traballo máis conceptualizado, como a devandita Sherman, ou Jeff Wall (Canadá, 1946), con toda unha declaración de intencións en cada imaxe que crea.

Pero a Fotografía Escenificada, tamén pode ser concibida para pór en dúbida os conceptos popularizados nos que se apoia a fotografía xornalística ou de documentación. É o caso de Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955) que en cada traballo acanea a fundamentación daqueles que aseguran que a fotografía retrata a realidade. Os seus proxectos, xa sexa inventando historias para lanzalas aos medios como reais, ou creando libros de documentación e arquivo de especies que nunca existiron, traballan cunha escenificación que ten por obxecto criar imaxes reflexivas sobre o propio medio.

Tamén é propio da Staged Photography, xa desde o surrealismo, a representación de mundos oníricos. Sirvan como exemplo dous traballos en dous extremos distantes: o de Robert & Shana ParkeHarrison (EE.UU, 1968), relacionado coa dialéctica propia de contos das crianzas, e o de Ouka Leele (Madrid, 1957) contaminado pola estética dun Madrid que acordaba logo dunha longa noite de pedra.

Ás veces, a visión occidentalista e androcéntrica da Historia da Fotografía, deixa fóra a autoras como a Condesa de Castiglioni (Florencia, 1837 – París, 1899) que, non sendo fotógrafa exactamente, recreaba con esmero escenificacións que ela mesma iluminaba para logo facerse retratar ao seu gusto por Pierre-Louis Pierson (Francia, 1822 – 1913). O seu traballo, de seguro, serviu de fonte ao de Grégory Creus (EE.UU. 1962)

Ao sentido crítico que, como se leva dito, se pon de manifesto na obra de Olaf, súmaselle certa vocación didáctica na obra de Carrie Mae Weems, unha fotógrafa, case descoñecida en Europa, que traballa con consignas do pobo afroamericano, nun discurso que da coherencia aos diferentes e múltiples eidos fotográficos nos que traballa.

A característica intrínseca da fotografía de ser quen de documentar, é algo que en moitos países xa está en desuso, coma na China, onde o fotodocumentalismo é considerado como algo moi antigo. Un referente no xigante asiático é Yasumasa Morimura (Osaka, 1951) que consegue a redundancia da Fotografía Escenificada traballando no xogo da escenificación da escenificación. Partindo de imaxes que son iconas en occidente, e que foron escenificadas no seu día, reinterprétaas desde un punto de vista iconoclasta e cun humor oriental difícil de entender en occidente. A obra na que se ve unha clara reflexividade dentro da Staged Photography, é na que se autofotografa imitando unha fotografía de Cindy Sherman.

“Don’t look at my camera” está configurada con obras de varios autores e autoras moi diferentes entre si, pero que poñen de manifesto o que os une. O control da iluminación, a dirección de personaxes, a escenificación dos ambientes, e as referencias a longas historias que cada imaxe comunica, quizais revele que a Fotografía Escenificada, é produto do desexo por ter controlada unha realidade que se nos escapa, pero que podemos fotografar, logo nalgún momento foi realidade, malia ao carácter efémero.

Vítor Nieves. Curador.


[1] Momentos Estelares de la Fotografía del s.XX. Oliva María Rubio. Círculo de Bellas Artes de Madrid. Capítulo “Puesta en escena”.


Inauguración da exposición e declaracións de Vítor Nieves (curador) e Rui Prata (director do Museo)