LUÍSA DÖRR

A Noite

Kunsthalle | Santiago de Compostela
do 4 de decembro ao 12 de xaneiro 2013
Festival Outono Fotográfico
 
Centro de Dia do Magarão | Avintes, Vila Nova de Gaia (Portugal)
do 3 de outubro ao 1 de novembro 2014
Festival iNstantes
 
Curador: Vítor Nieves

En canto durme a cidade, hai quen se aventura en busca dunha verdade superior, da liberdade que é ofuscada polo brillo do sol. Á noite é cando se tornan, invariabelmente, poderosas personalidades inexistentes coñecedoras do oculto. As súas figuras aparecen e desaparecen como flashes dun soño nunha noite mal durmida.

O anonimato que ofrece unha grande urbe, convida a que afloren certos comportamentos no límite. Actitudes que se esconden baixo o manto do escuro, cando a xente xa abandonou o asfalto para alén da consciencia. Nesa hora, cando xa caeron as poses (auto)impostas que compasan ao espardecer, a voracidade ataca procurando un algo distinto que non sempre ten meta, por que probábelmente a meta está no propio camiño de se facer ácrata, condescendente co establecido, tanto, que se por un momento, as figuras que deambulan tiveran de ser vistas fóra de si, non serían quen de acreditar que son elas mesmas.

O acto involuntario inducido polo sono activo failles levar o onírico ao plano do real, nunha figuración extrema que concede xeitos de proceder, até de respirar. A suplantación da identidade propia, parte fundamental do escuro xogo, estoupa nunha carga matices de cores que vencellan coa ficción.

Fotografar a sordidez, a nada, o que non existiu, o que non se ve, a invisibilidade, o delirio, o anonimato, a tolemia, a liberdade, a transgresión consciente e o trastorno inconsciente nun mesmo traballo non é tarefa sinxela. “A Noite” de Luísa Dörr faino cunha folla de ruta variábel. Escudándose no anonimato que brinda a grande urbe, achégase a personaxes que engule e cuspe o tecido de asfalto e ladrillo, alí onde se xuntan a realidade e a ficción, a consciencia e o sono, a fotografía e a figuración. Evocando estados de ánimo que pesan máis que o cemento. O traballo (feito en São Paulo), ben podería ter sido feito en calquera urbe, pois todas elas emanan unha outra dimensión sen coutar, e deixan marxes onde, sistematicamente, moitos son obrigados (outros queren) estar. O límite é ceibe, e o que guinda a noite é fácil de coller, pois os que nacemos coa alma buscadora, a cotío temos saudade do feito no gume, na volta da quenda, pois só alí sentimos como a enerxía abate o ateigado na memoria nunha orxía atávica, noite tras noite, coma un palimpsesto húmido con cheiro á flor do castiñeiro.

A escaseza de claridade na forma, e no fondo, espalla carrouchos na sombra onde se bombardea con atisbos de pánico e sexo, morte e pracer, medo e gula, ansia e calma, ledicia e tolemia. Vieiros que levan ao que perde o nome de silencio no medio e medio do ruído. Con razón o primeiro nome elixido por Luísa para a serie era “Neuros in the city”.

A noite absorbe segredos, agocha vestixios, abriga a todos e todas as que contemporizan con ela nun pacto que se artella en pé de igualdade. A noite é unha realidade por si soa. A noite pode ser un pesadelo. A noite é linda.

Vítor Nieves. Curador da exposición.

+info da autora: luisadorr.com